|
A Corporación deu o seu visto e prace ás Contas Xerais do Exercicio 2009 no longo pleno celebrado na noite do luns, un balance económico que foi acollido con satisfacción polos integrantes do grupo de goberno e con pesimismo por parte da oposición. Por outra parte o Pleno tamén amosou o seu apoio unánime a desafección dos terreos de Beiramar e O Corgo. VER FOTOGRAFÍAS
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñíz O alcalde, José Antonio Cacabelos, presentou na sesión de onte o balance económico do pasado exercicio, que arroxa un “resultado positivo” de case 194.000 euros, o cal reflicte ao seu entender a xestión realizada dende o Goberno local á hora de cumprir cos obxectivos fixados no orzamento. Nembargante, estas contas tamén arroxan un remanente de Tesourería negativo de preto de 97.000 euros, que o rexedor achacou aos adiantos efectuados dende o Concello ás obras do Plan E e do edificio administrativo. Asegurou que estas dúas actuacións supuxeron para o Concello un gasto de preto dun millón de euros, que posteriormente o recuperará a través do cobro das subvencións outorgadas polos Gobernos central e autonómico. Este balance negativo nas arcas municipais foi o principal motivo das críticas que efectuaron dende o PP e AMeca –EU votou a favor– á xestión económica levada a cabo dende o Concello. O líder dos populares grovenses, Miguel Ángel Pérez, asegurou que este remanente provocará que os recursos municipais “sexan máis insuficientes”, e sinalou as súas consecuencias nas “obrigas pendentes” do Concello. A este respecto, asegurou que o grupo que representa está a recibir numerosas queixas de provedores do Concello, que teñen que agardar “moitos meses” para ver saldadas as facturas que teñen pendentes coa Administración local. Por isto, o voceiro popular concluíu que a xestión económica realizada polo Executivo grovense “non é tan boa como se quere facer ver”. “Imos de mal en peor”, engadiu na mesma liña a voceira de AMeca, Ayda Filgueira, que lembrou que en 2008 estas contas presentaron un déficit orzamentario, algo que “nunca ocorrera antes” e ao que agora se suma un remanente negativo que, engadiu, obrigará á Administración local a endebedarse ou reducir o gasto no presente ano. Filgueira fixo fincapé tamén en que no informe emitido “non fai máis que constatar o descontrol no gasto” á vez que “di claramente que non hai capacidade financeira”. Estas críticas provocaron que Cacabelos lembrara a “hecatombe” que supuxera para a oposición o déficit presentado ao final do Exercicio do 2008, e matizou que si se pasou desta situación ao superávit do ano seguinte, “algo fixo ben o Goberno do Grove”. Así mesmo non considerou necesario recorrer ao endebedamento para solucionar o remanente negativo, xa que entende que o decreto do Goberno central que fixa a baixada salarial dos empregados públicos “posiblemente nos permitirá enxugar” esa débeda nas arcas municipais. Por todo isto, o rexedor concluíu que estas contas reflicten unha “boa xestión”, que non é nin “para tirar foguetes” nin tampouco para dar pé a un “discurso catastrofista”. Unanimidade a prol da desafección do Corgo e Beiramar Tras preto de tres horas de debate, a longa orde do día da xornada de onte deu paso á moción de urxencia presentada polo representante do Partido Galeguista na Corporación, o concelleiro Alfredo Bea. Na mesma, defendíase o carácter urbano dos “espazos gañados ao mar” nas zonas de Beiramar e da Praza do Corgo, que pasaron a formar parte, segundo expuxo Bea, do casco urbano da vila e non teñen ningún uso pesqueiro, polo que reclama a desafección destes terreos xestionados por Portos de Galicia. O fondo da cuestión foi compartido por todas as forzas políticas con representación no Pleno, non así ás súas formas. Na iniciativa inicialmente presentada, Bea avogaba por delimitar topograficamente os terreos gañados ao mar, que o Pleno aprobase o plano resultante, a declaración destas zonas como de uso e dominio do pobo do Grove e a súa inscrición no Rexistro da Propiedade como ben municipal de uso público. Mais esta postura inicial foi acollida con dúbidas por Miguel Ángel Pérez, quen indicou que este procedemento podería ser “nulo de pleno dereito”, e Xan Lamelas, quen dubidou de si o acordo plenario resultante “tería algunha validez”. Nese intre entrou en escena Cacabelos, quen resaltou que todos os presentes compartían a “filosofía e o espírito” da moción presentada por Bea. O rexedor asegurou que “a titularidade non a vamos a ter” e inclinouse por pechar un acordo con Costas do Estado para que sexa o Concello o responsable da xestión destes terreos. Nesta mesma liña se pronunciara previamente o voceiro popular, que veu coma un “método máis efectivo” desenvolver unha negociación para obter unha concesión administrativa. A liña pola que circulaba o debate levou a Bea a resaltar que xa se acadara o que o seu partido buscaba, “apoio unánime” para o alcalde neste proceso de negociación, e por iso amosouse totalmente aberto a buscar unha nova formulación para a moción que fose do agrado de todos. Isto levou a que dese comezo na sala un rebumbio de ideas de cómo debería ser a redacción final no que moitos ditaban pero ninguén apuntaba, o que motivou que o alcalde tomase a palabra para lembrar que era preciso definir a moción que ían votar, xa que aquilo xa lle recordaba a “cando imos todos cenar e ninguén di a que restaurante vamos”. Finalmente foi o secretario municipal, Francisco Novoa, quen quedou de responsable para outorgar a forma definitiva a esta moción, cuxa fórmula resultante podería ser a de esgotar as vías administrativas para a obtención da concesión e a xestións dos devanditos terreos e facultar a alcaldía para iniciar os contactos cos Portos e Costas. A falla de datos Previamente, fora rexeitada unha moción presentada pola concelleira popular Diana Otero que reclamaba á elaboración dun programa de detección, prevención e control do fracaso e o absentismo escolar, unha iniciativa que recibiu o apoio de Ayda Filgueira e Xan Lamelas pero que non foi amparada polos tres partidos que integran o Goberno tripartito. A este respecto, a concelleira de Educación, Noemí Outeda, criticou que o texto presentado era unha “moción tipo” que xeneralizaba en lugar de deixar patente a “realidade” da vila. Esta pasa, segundo as súas verbas, porque “non se pode falar” de absentismo escolar en Primaria, mentres que en Secundaria si que se produciu “algún caso”. Mais, engadiu Outeda, xa se está a traballar neste eido, polo que a edil non viu “sentido” á iniciativa defendida dende a bancada popular. A continuación tomou a palabra o edil nacionalista Antón Mascato coa finalidade de explicar tamén os motivos que levaron ao seu grupo a votar en contra dunha proposta que, segundo dixo, lles gustaría apoiar. O sentido do seu voto baseouse fundamentalmente pola redacción da exposición de motivos, na que se afirmaba ter constancia dun “aumento importante de fracaso escolar e do número de menores que non asiste con regularidade aos centros educativos”, pero sen “aportar ningún dato que fundamente”, unha afirmación que segundo Mascato implicaba “cuestionar” a labor efectuada polos equipos docentes. Por outra parte, o concelleiro de Cultura tamén asegurou que na moción presentada por Otero atópase un recoñecemento de que “non ten información” ao respecto deste tema, posto que un dos acordos que solicitaba era “poñerse en contacto cos centros de ensino co fin de coñecer e avaliar o grao de fracaso e absentismo escolar na vila”. Despois de que Otero amosase a súa “mágoa” polo rexeitamento, chegou o momento da votación, que rematou con empate a sete, debido a falta de dous edís populares e a ausencia do socialista Jorge Olleros, que abandonara o pleno tras os seus primeiros compases. Foi preciso entón o voto de calidade do alcalde para que esta iniciativa non prosperase. O afán “privatizador” da Xunta Este foi o eixo central de dúas das iniciativas presentadas onte ante o Pleno polo voceiro nacionalista, Carlos Álvarez Besada, quen denunciou o “desmantelamento dos servizos sociais” que está a acometer o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo con cuestións como a supresión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar ou o financiamento dos Centros de Información á Muller. No caso destes últimos, unha orde publicada o pasado venres 23, na que se ampliaba a contía das achegas a estes organismos provocou unha modificación de última hora na redacción dos acordos que finalmente aprobou o Pleno, que o BNG redactara en función dunha orde previa do 15 de xullo, finalmente modificada. Isto provocou que finalmente o Pleno rematase por instar á Xunta a instaurar un “marco estable” de financiamento para estes centros, no que se garanta que a dotación recibida non será a inferior á percibida no ano anterior e na que os concellos poidan coñecer no primeiro trimestre a contía da subvención. Minutos antes chegará unha primeira denuncia da política do ente autonómico respecto dos centros ata agora dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e do Benestar. Na opinión de Álvarez Besada, o Goberno autonómico ten “interese” en converter os servizos sociais e de benestar nun “negocio” a través da súa progresiva “privatización”. Mais a proposta do tenente de alcalde, que reclamaba instar ao Goberno galego a desenvolver a lei galega de servizos sociais, non foi precisamente do agrado de Miguel Ángel Pérez, quen a definiu como unha iniciativa “extemporánea” e “carente de rigor” froito dun partido que amosa o seu “descoñecemento da realidade galega” por dedicar “todas as súas forzas á loita interna”. Quen si amosou o seu apoio inicial a súa moción pero tampouco escatimou en críticas aos nacionalistas foi Ayda Filgueira, que solicitou engadir no texto unha referencia á necesidade de que o Concello do Grove “predique co exemplo” e asuma directamente a xestión do servizo de axuda no fogar, que actualmente realiza unha empresa privada. Así mesmo, a voceira de AMeca opinou tamén que tanto o PP como o BNG “están a facer una política clientelar cos asuntos sociais”, á vez que lembrou que a Xunta “non pode desmantelar nada” no Grove neste eido, xa que esta vila “nin sequera” conta cun centro de día. Mais Álvarez Besada non quixo aceptar o novo punto proposto por Alternativa Meca, e recalcou que este servizo xa é de xestión pública, “porque está externalizado, non privatizado”, á vez que se preguntou como o poderá asumir un Concello directamente un servizo desta índole cando teñen una “incógnita no aire”, a de cómo se van a soster eses servizos financiados pola Xunta de Galicia. E neste panorama ve coma un “atrevemento” poder falar de asumir novos servizos máis aló dos que xa xestiona. Esta afirmacións non gustaron nada nin a Lamelas, quen asegurou que ían “traer cola” nin a Filgueira, quen lamentou que quedase “máis que demostrado que este Goberno nunca se preocupou” por asumir a xestión directa dos servizos sociais, xa que “o máis fácil é darlle unha subvención a unha empresa e que se entendan eles”. Problemas na empresa Non se pensen que o debate en torno ao devandito servizo rematou aí. En absoluto. Na quenda de rogos e preguntas, Filgueira apuntou á existencia de “importantes problemas” entre a empresa que xestiona o servizo e as súas traballadoras. Aludiu a existencia dunha débeda por parte desta firma, que á súa vez alega que “o Concello tampouco lle está a pagar”, segundo indicou Filgueira. Cacabelos asegurou que son “coñecedores” da situación que están a atravesar as devanditas traballadoras, e amosou a súa intención de manter unha reunión con elas nas próximas xornadas, así como o de solicitar un informe ao respecto aos servizos xurídicos. Por outra parte, a Corporación tamén aprobou onte o inicio dun expediente para determinar si unha parcela en Campos é ou non sobrante da vía pública, despois de que esta declaración fose rexeitada nunha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que consideraba nulo o acordo plenario no que se fixou. Sesión Ordinaria do Concello Pleno Luns, 26 de xullo de 2010 Hora de comezo: 20.00 – Hora de remate: 23.20 ORDE DO DÍA 1. Aprobación se procede dos borradores das actas anteriores. NON HAI 2. Dación de contas dos decretos da alcaldía emitidos dende a última sesión plenaria. 3. Ditame da Comisión Informativa Especial de Contas (CIEC) sobre a aprobación da Conta Xeral Do 2009 APROBADO Votos a favor: PSOE-BNG-PG-IU Votos en contra: PP-AMECA 4. Ditame da CIEC sobre o recoñecemento extraxudicial 3/2010. APROBADO Votos a favor: PSOE-BNG-PG-PP Abstencións: IU. Votos en contra: AMECA. 5. Ditame da Comisión Informativa Xeral (CIX) sobre a incoación de declaración da parcela 355 ubicada no polígono 9 como sobrante da vía pública. APROBADO. Votos a favor: PSOE-BNG-PG-PP-IU. Votos en contra: AMECA 6. Ditame do CIX sobre a proposta do BNG en defensa do sistema galego público de servizos sociais. APROBADO. Votos a favor: PSOE-BNG-PG-IU. Abstencións: AMECA. Votos en contra: PP 7. Ditame do CIX sobre a modificación da denominación do posto de fontaneiro municipal que figura na plantilla de persoal laboral fixo do Concello do Grove polo de encargado municipal de augas. RETIRADO POR UNANIMIDADE 8. Proposición do BNG sobre o mantemento das axudas aos centros de información ás mulleres. APROBADO Votos a favor: PSOE-BNG-PG-IU-AMECA. Votos en contra: PP 9. Proposición do PP sobre a detección, prevención e control do fracaso e o absentismo escolar no Concello do Grove. REXEITADO POLO VOTO DE CALIDADE DO ALCALDE Votos a favor: PP-IU-AMECA. Votos en contra: PSOE-BNG-PG 10. Moción de urxencia do PG relativa á desafección dos terreos de Beiramar e da Praza do Corgo. APROBADA POR UNANIMIDADE 11. Rogos e preguntas *Non asistiron Miguel Devesa e Marta Domínguez (PP). Jorge Olleros (PSOE) abandonou o salón de plenos aproximadamente unha hora despois do comezo da sesión. |