|
Este reputado pintor achegouse na mañá deste martes ata O Grove para coñecer unha galería de arte que hai poucas semanas abría por primeira vez as súas portas cunha exposición colectiva da que forman parte –xunto con obras de artistas como Xaquín Chaves, Lino Silva ou Paparolo– catro lenzos deste artista de Forcarei.
VER FOTOGRAFÍAS
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz
A Galería Besada recibiu este martes a un dos nomes máis destacados da súa exposición inaugural, José María Barreiro, un artista que nas últimas décadas “consolidou unha linguaxe identificable e persoal” nunha obra pictórica na que destaca “a forte personalidade no debuxo e a liberdade no emprego da cor, así como a acusada sinxeleza e proximidade no tratamento da temática elixida”, segundo destacou nun comunicado o responsable desta galería situada na rúa Concepción Arenal, Carlos Álvarez Besada. Catro obras do pintor de Forcarei, que reciben os títulos de ‘pintor e modelo’, ‘guitarrista’, ‘desnudo’ e ‘gaiteiro’, comparten nestes días espazo nesta galería coas obras pictóricas de Xaquín Chaves, Lino Silva, Xurxo Durán ou Yoshiro Tachibana, cos augafortes da grovense Tamara Domínguez ou coas esculturas do tamén meco Paparolo, nunha exposición inaugural que se poderá contemplar ata o vindeiro 17 de maio. Os primeiros trazos da extensa traxectoria pictórica de Barreiro remóntanse aos últimos anos da década dos cincuenta. Tras estudar a obra de artistas como Picasso ou Matisse en París, este pintor de formación autodidacta instálase en Vigo, onde une os seus camiños cun dos referentes máis importantes da arte en Galicia no século XX, Urbano Lugrís, con quen comparte estudo e casa durante anos. Tras presentar a súa obra en Madrid a finais dos sesenta, é invitado por outra figura clave da pintura galega, Laxeiro, a viaxar ata Buenos Aires, onde realiza unha serie de exposicións e onde se atopa con outro ilustre pintor galego, Luís Seoane. Co paso das décadas, Barreiro converteuse nun dos pintores máis recoñecidos de Galicia, ao que se suma ademais a destacable proxección que a súa obra ten fóra do país, como destacou Álvarez Besada. |