|
Na noite do luns, ao redor de sesenta persoas reuníronse neste establecemento hostaleiro que celebraba a súa festa de inauguración. Na rúa Castelao, A horta de Carlota inicia a súa andaina centrada en ofrecer aos grovenses unha selección de pratos tradicionais a un prezo accesible nun entorno agradable, no que sobresae unha extensa terraza interior.
VER FOTOGRAFÍAS
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz
Produtos de calidade a un bo prezo, esas son as claves deste novo establecemento hostaleiro, como explica Alberto Díaz, Tirilán, responsable xunto co seu irmán Diego desta Horta de Carlota, un establecemento que nace con vocación de furancho. Ao fin e ao cabo, a súa idea non é outra que poñer a disposición dos grovenses un espazo no que poder acompañar un viño de zorza, empanada, tortillas ou mexillóns a un prezo módico. Iso si, sen ter que coller o coche. A idea dos responsables deste local, no que a cociña corre a cargo de Diego Díaz, é ofrecer á súa clientela unha selección de 10 ou 12 pratos, nos que tamén teñan espazo propostas doutro tipo –como rabo de porco ibérico–; e facelo ademais nun espazo acolledor, situado en pleno centro da vila. Un local con moita historia O que hoxe é A Horta de Carlota fora, tempo atrás, unha das primeiras pensións do Grove. Tras anos en desuso, Alberto e Diego, responsables do restaurante A Traíña, en Beiramar, decidíronse a devolver á vida a este espazo de Castelao. O resultado final fai palpable a historia do establecemento. Especialmente cando un traspasa a súa parte dianteira e se interna na súa ampla terraza interior, onde un pozo de auga ou o antigo cortello dos porcos foron obxecto das reformas precisas para converterse en parte dun espazo hostaleiro de aires nostálxicos. Esa terraza interior será con toda seguridade un dos puntos fortes deste espazo cando retorne o bo tempo. Por dimensións e polo calmo dun ambiente no que teñen previsto combinar unha terraza á sombra da parra con outra superior na que gozar dun viño e unha tapa coa compaña duns raios de sol. |