|
Preto de trescentos padexeiros participaron na IX Travesía da Toxa, na que se alzaron coa medalla de ouro os canoístas do Breogán Bryan Fernández e Manuel García e as kaiakistas Tania Álvarez e Natalia García; e na que tamén subiu ao máis alto do podio o grovense Tono Campos.
VER FOTOGRAFÍAS
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz
Catro podios logrou o CMCD Breogán, club organizador desta IX Travesía da Toxa – XXVI Trofeo Concello do Grove, na regata que na tarde do domingo reuniu a preto de 300 padexeiros no mar do Grove, onde se disputaron un total de dez probas de embarcacións de parellas das categorías cadete, xuvenil e sénior. Os maiores éxitos do club grovense chegaron precisamente nas regatas da categoría xuvenil, nas que se lograron dous ouros e un bronce. Na final do K2 feminino, Tania Álvarez Yates e Natalia García Naveiro lograron a vitoria despois de completar en 35 minutos e 15 segundos un percorrido de 7,5 quilómetros, e lograr unha vantaxe de preto de medio minuto sobre as súas principais perseguidoras, Jessica Alfonso e Noelia Moledo do Ría de Aldán; e de máis dun minuto con respecto ás súas compañeiras Sara Bravo e Laura García, que obtiveron a medalla de bronce. Tamén obtiveron unha sólida vitoria Bryan Fernández e Manuel García na final do C2 xuvenil, na que se impuxeron cun tempo de 35 minutos e 50 segundos, 25 menos que os segundos clasificados, Damián González de Manuel Cons, do Verducido Pontillón. Previamente, o Breogán xa recibira unha primeira alegría na final do C2 cadete, na que os grovenses Borja Meis e Diego Naveiro foron os segundos máis rápidos, só por detrás de Daniel Durán e Sergio Vallejo, da Escola de Piragüismo de Poio. Estes resultados axudaron a que o club grovense sumase un total de 1.140 puntos e rematase segundo na clasificación por escuadras, por detrás do Ría de Aldán (1.310). Tono Campos vence na casa O outro ouro con sabor grovense chegou na final do C2 sénior, no que o meco Tono Campos e o seu compañeiro no Ría de Betanzos José Manuel Sánchez se impuxeron con grande autoridade despois de completar un percorrido, desta volta de 10 quilómetros, en 45 minutos e 53 segundos, que finalizaron cunha cómoda vantaxe con respecto aos canoístas que lles acompañaron no podio, David e Daniel Costa do Kayak Tudense, que cruzaron unha liña de meta con máis dun minuto e medio de desvantaxe; e David Mosquera e José Rocha, do Ría de Betanzos; que completaron o percorrido con preto de dous minutos de desvantaxe fronte aos gañadores. Máis que medallas Nesta Travesía da Toxa, organizada polo Breogán e a Federación Galega co patrocinio do Concello, non só houbo medallas para os gañadores. De feito, a colaboración dos establecementos hostaleiros da illa grovense permitiu que Campos e Sánchez foran agasallados cunha fin de semana para dúas persoas no Hesperia Isla de La Toja; mentres que a parella que se impuxo no K2 masculino (Iván Alonso e Roberto Rodríguez) foi premiada cunha estancia no Gran Hotel, e as gañadoras do K2 feminino (Ana Varela e Carla Pérez) obtiveron unha fin de semana no hotel Louxo. Ademais, todas as parellas gañadoras nas diferentes categorías recibiron un lote de produtos da tenda Manantiales La Toja, e os segundos clasificados foron agasallados cun lote de Conservas Isabel. Os gañadores K2 Cadete masculino: Iago Monteagudo e Jaime Acuña (Club Naval de Pontevedra) C2 Cadete masculino: Daniel Durán e Sergio Vallejo (Escola de Piragüismo Poio) K2 Cadete feminino: Rebecca Laurijssen e Sabela Caldelas (Náutico Pontecesures) K2 Xuvenil masculino: Pablo Sánchez e Pablo García (Club Naval de Pontevedra) C2 Xuvenil masculino: Bryan Fernández e Manuel García (Breogán do Grove) K2 Xuvenil feminino: Tania Álvarez e Natalia García (Breogán do Grove) C2 Xuvenil feminino: Javier Casal e Patricia González (Ciudad de Pontevedra) K2 Sénior masculino: Iván Alonso e Roberto Rodríguez (Kayak Tudense) C2 Sénior masculino: Manuel Antonio Campos e José Manuel Sánchez (Ría de Betanzos) K2 Sénior feminino: Ana Varela e Carla Pérez (Kayak Tudense) |