|
A estación depuradora de augas e a aprobación definitiva do Orzamento 2010 foron os puntos fortes da sesión extraordinaria do pleno de onte xoves celebrado no Concello do Grove. Cabe destacar o amplo consenso da sesión, xa que dos sete puntos a tratar, cinco deles foron aprobados por unanimidade. VER FOTOGRAFÍAS
Texto: L. Castro | Fotos: M. Muñiz
O tema orzamentario foi o que levantou máis discrepancias entre goberno e oposición. Estes últimos aproveitaron a ocasión para facer tamén referencia a obras e a trámites urbanísticos “que non se están a facer correctamente”, segundo indicaba o portavoz do PP Miguel Ángel Pérez. Nesta mesma liña, Aída Filgueira (AMeca), poñía enriba da mesa o asunto da posible devolución dos 80.000 euros da subvención da Xunta para o edificio administrativo, e aseguraba tamén que “ non se contempla no orzamento o saneamento nin o alumeado”. Colectores de lixo e estación depuradora de augas residuais A estación de augas residuais levantou algunha das polémicas da tarde, poñendo de manifesto os edís da oposición o seu desacordo coas modificacións feitas no proxecto. Hai que recordar que a execución desta obra xa non fora apoiada no seu día nin por Alternativa Meca nin polo Partido Popular. Por esta razón Pérez sinalaba que “aínda que exista un cambio de ubicación, os problemas seguirán sendo os mesmos”, facendo fincapé tamén “no custe derivado da expropiación dos terreos para a construción desta planta”. Aída Filgueira acusaba ó goberno de “primeiro acometer as obras e despois levalas ó pleno”. Vehículos de auto-turismos e Ordenanza fiscal reguladora das licenzas Nesta sesión plenaria tamén se procedeu a aprobar a ordenanza que regulará o servizo público de taxi, “o cal axudará a mellorar os servizos para os propios usuarios”, segundo palabras da edil de Transporte, a nacionalista Vitoria Canoura, quen agradeceu a tódolos grupos a súa colaboración e consenso para chegar a esta ordenanza. Probablemente esta sesión será lembrada polas louvanzas recibidas por parte do PP e de AMeca, os que coincidiron en destacar que “ese é o xeito de facer as cousas”. Tren turístico Aprobouse o prego de condicións para realizar as melloras oportunas do servizo do tren turístico, con total consenso por parte dos grupos políticos, dado que non se considerou oportuna a súa prorrogación, tal como fora tratado con anterioridade noutra sesión plenaria. Aprobación do Orzamento 2010 Os grupos da oposición votaron en contra da aprobación definitiva do orzamento por considerar que “hai moitos gastos que deberían ter a súa previsión e non a teñen, como é o caso de novas inversións en saneamento, servizo de limpeza e o de lixo”, indicou a edil Aída Filgueira. Así mesmo, o edil popular Miguel Ángel Pérez fixo referencia a unha partida de 45.000 euros para electricidade e auga, que segundo el “desapareceu dun plumazo”. A contía aproximada do Orzamento para o 2010 é de 9.000.000 de euros, o cal segundo Pérez sufriu unha redución de entre un 15% e un 18%, “o cal cabía esperar”. Tamén falou de “certas partidas que se anulan, e das que non se ten constancia”. O alcalde Jose Antonio Cacabelos respondeu á oposición argumentando que “as variacións e flutuacións da economía son imprevisibles, e que por iso existen tantas modificacións, ademais os ingresos correntes que fai o Estado redúcense”, tal como anunciou o Goberno central. “Protección do Patrimonio Marítimo Flotante” Este último punto, referente á protección das embarcacións tradicionais, foi tratado pola vía de urxencia, xa que a cuestión está sendo tratada estes días no Congreso dos Deputados, e se precisa que a emenda vaia para adiante na Comisión de Xustiza do Congreso. A importancia desta, radica en que “no Grove se ten posiblemente a maior flota de embarcacións tradicionais de Galicia, e de Europa”, afirmou o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Antón Mascato. O obxectivo é protexer e divulgar este patrimonio. Goberno e oposición felicitáronse de que vaian a pleno este tipo de iniciativas. DESCARGAR MOCÍON Sesión Extraordinaria do Concello Pleno Xoves 25 de febreiro de 2010 Hora de comezo: 20.10 – Hora de remate: 21.00 ORDE DO DÍA 1. Proxecto modificado nº 1 de “colectores xerais e estación depuradora de augas residuais no Grove” APROBADO Votos a favor: PSOE-BNG-EU-PG Votos en contra: PP-AM 2. Regulamento municipal de vehículos de auto-turismo APROBADO POR UNANIMIDADE 3. Prego de condicións para a concesión do uso especial da utilización de vías públicas, para a explotación do tren turístico APROBADO POR UNANIMIDADE 4. Aprobación definitiva do Orzamento 2010 APROBADO Votos a favor: PSOE-BNG-EU-PG Votos en contra: PP-AM 5. Ordenanza fiscal reguladora da taxa por licenzas de auto-turismo APROBADO POR UNANIMIDADE 6. Acordo regulador do prezo público pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar APROBADO POR UNANIMIDADE 7. Moción a favor da emenda ao “Proxecto de Lei Xeral de Navegación Marítima”, que contempla a introdución dunha disposición adicional titulada “Protección do Patrimonio Marítimo Flotante. Estatuto xurídico das embarcacións históricas e tradicionais”. APROBADO POR UNANIMIDADE |